Comprácenos anunciar que GalChimia recibiu o Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada concedido pola Deputación da Coruña no marco do seu Plan Local de Emprego. Na cerimonia de entrega celebrada o 8 de xullo en Oleiros (A Coruña) estiveron presentes a nosa CEO Carme Pampín e o CSO Jacobo Cruces, ambos membros fundadores da compañía.

Este premio recoñece o percorrido de éxito de GalChimia ata converterse nun referente internacional en servizos de síntese orgánica para as industrias farmacéutica, agroquímica e biotecnolóxica. Dende a súa creación en 2001, GalChimia experimentou un crecemento continuo e sostible, desenvolvendo unha estratexia de consolidación intelixente que culminou coa apertura de centros en Madrid e Barcelona e a recente construción da nova sede en Touro.

Esta expansión provocou a creación de novos empregos e a ampliación e consolidación dos postos xa existentes. Existe unha aposta clara por atraer talento cunha cultura innovadora, caracterizada pola flexibilidade e por promover unha contratación igualitaria, estable e de calidade. GalChimia é unha empresa intensiva en talentos, con máis do 80% do noso persoal con títulos superiores e máis do 50% cun doutoramento en Química Orgánica. Un equipo altamente cualificado e motivado que nos permite mellorar e adaptar continuamente os nosos servizos ás necesidades do mercado.

Por último, tamén queremos felicitar aos gañadores nas outras categorías: Albarari S.L. (Mellor iniciativa empresarial nova), Bionix Supply Chain Technologies (Mellor iniciativa innovadora na loita contra a COVID-19), Concello de Brión (Mellor concello promotor do emprego de calidade) e, por suposto, o Clúster de Tecnoloxía Empresarial das Ciencias da Vida – Bioga (Mellor asociación empresarial da provincia). Dende o equipo de GalChimia, parabéns a todos!

Logo ganadores IV Premio PEL

 

Enlaces de interese